Español 
turismo en bici por Narón
logo educación viaria
 
 .: ESTÁS EN: gl > Rutas en bici por Narón > Ruta en bici do Camiño de Santo André de Teixido ao seu paso polo Concello de Narón
Seguenos no Facebook Seguenos no Twitter Seguenos no Tuenti Siguenos en YouTube

RUTA 3: Ruta en bici do Camiño de Santo André de Teixido ao seu paso polo Concello de Narón

descarga pdfdescarga arquivos google earthdescarga arquivos gpsvisualiza video

Esta ruta comeza no mosteiro de San Martiño de Xuvia e percorre parte do trazado do antigo camiño de peregrinación a Santo André de Teixido.
O primeiro lugar de interese artístico e cultural é o mosteiro de San Martiño de Xuvia, tamén chamado San Martiño do Couto. As orixes posiblemente se remonten ao século IV d.c. Fálase de que entre os anos 380 e 390 existía unha ermida dedicada á Santísima Virxe das Neves ou de Santa María, no mesmo lugar onde séculos máis tarde se construiría o mosteiro de San Martiño de Xuvia. Esta primitiva capela converteuse en igrexa, e comeza a servir de igrexa parroquial a principios do século VIII, continuando coma tal igrexa parroquial do Couto ata o ano 1635, concretamente ata o 1 de abril, data na que, debido ao seu estado ruinoso, foi demolida  sendo substituída pola parroquial de San Martiño, templo que ata entón fora monacal.
Algúns autores atribúen a fundación do mosteiro a un pequeno grupo de monxes portugueses que escaparon do mosteiro de San Martiño de Dumio, que sufría os constantes ataques dos mouros; atopando na ribeira do río Xuvia un lugar idóneo para instaurar un pequeno cenobio ou casa monacal ao que lle deron o nome de San Martiño en honor ao antigo cenobio que tiveran en Portugal. Éste sería o nacemento do mosteiro de San Martiño de Xuvia, no mesmo lugar onde estaba emprazada a ermida dedicada á Virxe das Neves.
Xunto ao mosteiro, que está declarado monumento artístico nacional polo Ministerio de Cultura, atópase a igrexa de San Martiño. A súa construción data do século XII, comezando esta concretamente no ano 1137, se ben a súa fachada e a torre son do século XVIII.
A igrexa de San Martiño ten unha planta rectangular, con tres naves ou espazos no seu interior.
A porta de acceso é de estilo románico  e componse de dúas arquivoltas determinadas por baquetóns que arrancan dende o chan. No sentido das arquivoltas remata a porta románica. No exterior unha decoración de cadros e de semicírculos refundidos ou fincados na mesma pedra sucedendo o mesmo nalgúns ventanais ou ventás.
A nave central está separada das naves laterais por piares de planta cadrada  con columnas. Esta nave central é máis ancha que as laterais e nela está o altar principal.
Os capiteis corresponden a diversos tipos e estilos e na súa maior parte reproducen palmatorias, follas rizadas, trenzados, bolas, acios, figuras antropomórficas e animais.
As basas son moi variadas, e algunhas delas atópanse afundidas no pavimento, tendo as máis visibles os plintos con axadrezado e os seus ángulos decorados con bólas, garras ou cabezas de carneiro.
No seu interior resulta especialmente interesante o conxunto funerario formado polo tumbal en forma de estatua de guerreiro xacente que correspondeu ao sepulcro de don Rodrigo Esquío, os restos de don Gonzalo Esquío e a lápida mortuoria que figurou sobre a sepultura do cabaleiro D. Pedro de Mourelle de Esquío e Mandiá, xunto co escudo de armas cos brasóns dos Esquío e dos Mandiá conforman un conxunto de grande importancia polo seu valor histórico e artístico.
Destaca tamén o altar dedicado a San Benito, restaurado no ano 2006, polo feito de que no ano 1745 o  Papa Benedicto XIV tivo a delicadeza de concederlle  INDULTO PERPETUO DE ALTAR PRIVILEGIADO, e a toda a igrexa conventual e parroquial de San Martiño  o entón importantísimo privilexio de ser considerada como IGLESIA DE REFUGIO, o cal leva anexo o dereito de asilo.
O noso camiño continúa cara ao muíño das aceas,  singular por ser o único muíño de mareas que se conserva na nosa comarca. Os muíños de mareas son aqueles que utilizan a forza das mareas como enerxía motriz. Cando hai marea chea, énchese unha conca de reserva para o muíño, na cal a auga queda retida durante a marea baixa. Cando hai marea baixa, as válvulas que regulan a saída de auga ábrense e a auga retida vértese cara ao mar, impulsando a rotación da roda do muíño.
O muíño das aceas foi unha das principais fábricas de fariñas de Galicia no século XIX, cando recibía o trigo desde Ucraína e América. Creado a finais do século XVIII, e promovido por unha sociedade de empresarios galegos e franceses, o edificio consta de represa, muíño, vivenda, almacéns e casa de recreo pegada, todo cerrado cun muro de pedra. Esta Real Fábrica de Fariñas é unha obra de grandes dimensións, que permite a entrada das mareas a través dunha comporta xiratoria e embalsa máis de 50.000 metros cúbicos de auga, enerxía suficiente para mover as grandes pedras moedoras de que dispón.
A nosa seguinte parada levaranos ao castro de Sequeiro, típico castro de interior, de planta ovalada, do que apenas se conservan restos da súa liña defensiva.
Continuamos o noso camiño e chegamos ao Pazo Libunca. O seu nome provén dun antigo asentamento “mítico”, chamado Libunca, que algúns autores sitúan nunha zona entre a desembocadura do río Belelle e o río Xuvia. Está situado no lugar da Venta, parroquia de San Xiao, no Concello de Narón.
Construído arredor  do ano 1922 o Pazo Libunca erixiuse como unha das máis importantes construcións, de carácter privado, de estilo modernista-rexionalista do seu tempo na nosa comarca.
O autor do proxecto foi don Juan S. Roig, un prestixioso arquitecto catalán, que, por petición da familia Montenegro, deseñou este espectacular edificio. A cerámica de Talavera que decora o seu exterior e o interior foi elaborada no taller do mestre Juan Ruíz de Luna.
Esta superficie de aproximadamente dez mil metros cadrados, atópase perfectamente delimitada por un cerrado que foi realizado mediante pilastras rematadas a dúas augas con tellas de Talavera das mesmas cores que as que se empregaron para o tellado da edificación principal e a adega do xardín,  combinadas con reixas realizadas en ferro fundido, elementos típicos da arquitectura modernista. Decorando cada unha das pilastras atopamos uns azulexos de Talavera do mesmo estilo que os que decoran o edificio principal e en determinados elementos do xardín, a saber, dúas fantásticas fontes decoradas con azulexo de Talavera, e un estanque que ten o mesmo tratamento, en canto á decoración, que as anteriores.
O xardín posúe unha gran cantidade de especies de árbores tanto froiteiras coma ornamentais, e palmeiras que adornaron e en moitos casos seguen a adornar esta superficie de enorme beleza. Nogueira, castiñeiro, cedro, maceira, limoeiro, laranxeira, pereira, abeleira, ameixeira, ciprés, son algunhas das árbores que atopariamos xunto con diferentes especies florais como hortensias, adelfas, roseiras, arbustos baixos, plantas rubideiras, etc. 
No terreo atópanse dúas edificacións. A edificación principal foi deseñada coma un inmoble destinado a vivenda de amplas dimensións; e un edificio moito máis reducido  dedicado a almacén  ou adega no que se gardaban apeiros de labranza e outro tipo de material relacionado co coidado do xardín.
Actualmente observamos dúas novas construcións; unha cociña e un toldo de estilo moito máis moderno.
En canto ao interior do edificio destacan os teitos altos, as  vidreiras, os zócolos de azulexo, os elementos de forxa, madeiras nobres, espazos amplos, terrazas, unha espectacular galería e a combinación de elementos recuperados e adaptados de estilos anteriores.
Mención á parte merécena os zócolos que atopamos no vestíbulo, na recepción e no tramo das escaleiras, son verdadeiramente excepcionais. Todos os recursos decorativos cos que conta o mestre pintor aparecen representados, en maior ou menor medida no conxunto dos azulexos do pazo.
Chaman especialmente a atención as escenas da vida cotiá, representadas cun realismo tal que asemella que se está a observar unha fotografía.
O camiño lévanos por diante das instalacións da antiga estación de radio da Armada hoxe en desuso, que ocupa uns 120.000 metros cadrados repartidos entre os municipios de Narón e Valdoviño. O noso seguinte punto de interese é a chamada “casa das lousas”, unha construción que chama a atención do visitante pola utilización de grandes lousas en parte da súa arquitectura.
Pouco antes de chegar ao miradoiro do Monte Esperón atopamos a fonte da Moura, bastante visitada na antigüidade e á que se lle atribuían propiedades anticonceptivas. Xunto ao Esperón, no contorno do Monte de Nenos pódense ver varios túmulos, aliñados aos dous lados do camiño, cunha antigüidade aproximada de 6000 anos. Este conxunto é coñecido como necrópole do Monte de Nenos.
 Neste punto deixamos o camiño de Santo André e continuamos a ruta  chegando a Aldea Nova, un parque temático e educativo sobre o mundo rural en Galicia; moi preto atopamos o Castro de Eiravedra; un típico castro de cumio no que aínda se observan as súas liñas defensivas compostas por dúas liñas de muralla e un foxo, e no que se atopan varias reconstrucións a escala das típicas vivendas castrexas.
Un castro é un asentamento amurallado ou fortificado. Este tipo de poboados  empezaron a habitarse arredor do século VI a de C ata aproximadamente o século IV d de C. Caracterízanse polas súas  pequenas estruturas, case todas de planta circular, polas súas murallas e os seus foxos.
Nos primeiros momentos as construcións eran de palla e barro, despois co paso do tempo empezaron a empregar a pedra e a tella.
Os pobos prerromanos, de orixe celta ou non, foron os seus primeiros habitantes, pero tras a conquista romana, no século I d. C, os romanos aproveitaron estes fermosos poboados.
A xente que vivía nos castros dedicábase á agricultura e á gandería; pero tamén practicaban a caza, a pesca e o marisqueo, así como a recollida de froitos (castañas, landras, e froitas das árbores dos montes que rodeaban o poboado). Outra das súas actividades, menos coñecida, era a minería.
Os habitantes dos castros fabricaban os seus útiles de traballo en madeira, pedra, óso e metal; tamén fabricaban pezas de cerámica como pratos e olas, tecidos cos que facían as súas roupas, e con ouro e outros metais preciosos deseñaban as súas xoias.
A sociedade castrexa estaba organizada a base de vencellos familiares e de parentesco, e tiña unha grande xerarquización. Existían relacións con outros poboados do seu contorno. Había un reparto do traballo: as mulleres ocupábanse dos labores domésticos, do coidado da familia e dos animais, e tamén de varios traballos relacionados coa terra e a recolección de froitos. Os homes dedicábanse á caza, á explotación e traballo dos metais, a certos oficios artesanais, ao comercio,  á guerra, etc…
Resulta moi complicado asegurar en que consistía a vida relixiosa nos castros. Sabemos que festexaban acontecementos importantes para a vida cotiá, como a chegada da primavera ou do verán; e que rendían certo culto aos elementos da natureza coma o sol, a lúa, as augas, o raio, e certas árbores, etc. Tamén sabemos que utilizaban amuletos de diferentes formas relacionados coa natureza ou a fecundidade entre outros.
Desde aquí podemos continuar o camiño cara ao apeadeiro de Sedes no que poderemos coller o tren que nos leva de volta cara ao centro urbano.



 

2010 © Eventi |   Alojamiento web: Galynet