Español 
turismo en bici por Narón
logo educación viaria
 
 .: ESTÁS EN: gl > Rutas en bici por Narón > Ruta dos Camiños milenarios do Val en bici
Seguenos no Facebook Seguenos no Twitter Seguenos no Tuenti Siguenos en YouTube

RUTA 4: Ruta dos Camiños milenarios do Val en bici.

descarga pdfdescarga arquivos google earthdescarga arquivos gpsvisualiza video

O noso punto de partida é o Pazo Libunca. O seu nome provén dun antigo asentamento “mítico”, chamado Libunca, que algúns autores sitúan nunha zona entre a desembocadura do río Belelle e o río Xuvia. Está situado no lugar da Venta, Parroquia de San Xiao, no Concello de Narón.
Foi construído arredor  do ano 1922 como residencia da familia Montenegro, erixíndose como unha das máis importantes construcións, de carácter privado, de estilo modernista-rexionalista do seu tempo na nosa comarca.
O autor do proxecto foi don Juan S. Roig, un importante arquitecto catalán. O prestixioso ceramista talaverán Juan Ruíz de Luna foi o encargado do deseño dos azulexos que decoran gran parte da superficie interior e exterior do edificio e dos seus xardíns.
Esta superficie de aproximadamente dez mil metros cadrados, atópase perfectamente delimitada por un cerrado  realizado mediante pilastras rematadas a dúas augas con tellas de Talavera das mesmas cores que as que se empregaron para o tellado da edificación principal e a adega do xardín,  combinadas con reixas realizadas en ferro fundido, elementos típicos, da arquitectura modernista.
Decorando cada unha das pilastras atopamos uns azulexos de Talavera do mesmo estilo que os que atoparemos no edificio principal e en determinados elementos do xardín, a saber, dúas fantásticas fontes decoradas con azulexo de Talavera, e un estanque que ten o mesmo tratamento, en canto á decoración, que as anteriores.
Teitos altos, vidreiras, zócolos de azulexo, elementos de forxa, madeiras nobres, espazos amplos, terrazas, unha espectacular galería e a combinación de elementos recuperados e adaptados de estilos anteriores son algunhas das características xerais máis salientables desta construción.
O xardín posúe unha gran cantidade de especies de árbores tanto froiteiras coma ornamentais, e palmeiras que adornaron e en moitos casos seguen a adornar esta superficie de enorme beleza. Nogueira, castiñeiro, cedro, maceira, limoeiro, laranxeira, pereira, abeleira, ameixeira, ciprés, son algunhas das árbores que atopariamos xunto con diferentes especies florais como hortensias, adelfas, roseiras, arbustos baixos, plantas rubideiras, etc. 
No terreo atópanse dúas edificacións, a edificación principal foi deseñada coma un inmoble destinado a vivenda de amplas dimensións; e un edificio moito máis reducido  dedicado a almacén  ou adega no que se gardaban apeiros de labranza e outro tipo de material relacionado co coidado do xardín.
Na actualidade observamos dúas novas construcións; unha cociña e un toldo de estilo moito máis moderno.
Os zócolos que atopamos no pazo, no vestíbulo, na recepción e no tramo das escaleiras, son verdadeiramente excepcionais. Todos os recursos decorativos cos que conta o mestre pintor aparecen representados, en maior ou menor medida no conxunto dos azulexos do pazo.
Chaman especialmente a atención as escenas da vida cotiá, representadas cun realismo tal que asemella que se está a observar unha fotografía.
Continuamos o noso camiño e chegamos á mámoa de Santa Margarida.
A nosa ruta lévanos a carón dunha das casas medievais que se atopan no noso concello. As villaes medievais eran pequenos núcleos rurais dependentes dun señor. Comprendían un territorio do que se abastecían e que era traballado por campesiños que debían entregar parte da súa produción ao dono da villae en concepto de arrendo. Normalmente os señores vivían nas cidades onde tiñan os seus negocios, dende alí manexaban o comercio que era a súa actividade principal, deixando para as villaes as tarefas de abastecemento de produtos de primeira necesidade.
A nosa seguinte parada é o castro de Quintá; na actualidade o recinto preséntase bastante alterado. Pódese supoñer que contaba cunha única muralla defensiva que o rodeaba perimetralmente. É probable que a súa entrada orixinal se situara na cara noroeste. É un castro típico de chaira.
O camiño lévanos a unha nova casa medieval, de planta rectangular  na que se adiviña a existencia dun forno interior. Destaca a súa porta de entrada, cun lintel decorado cunha estrela de David.
Continuamos cara á Pena de Embade. Dise que antigamente había alí unha pedra de abalar, utilizada no pasado con fins divinatorios ou  curativos. A día de hoxe neste lugar atópase un cruceiro.
O percorrido lévanos a Pena Molexa. Dise dela que é a pedra con máis lendas por centímetro cadrado de cantas existen no mundo. A Pena Molexa atópase na parroquia do Val, moi preto do castro de Vilasuso e da Pena Lopesa.
A lenda máis espallada e coñecida é a que nos fala da presenza dunha fermosísima moura: “contan que nalgunhas madrugadas de San Xoán pódese atopar na Pena Molexa, peiteando os seus longos cabelos, a unha fermosísima moura que amosa ao mortal un enxoval marabilloso: olas cheas de moedas e xoias, colares e diademas, brazais, peites e tesoiras, armas de antigos guerreiros e ata unha pita cos seus sete pitiños … todo iso de ouro.
A moura convida ao home a admirar o seu enxoval e logo pídelle que escolla, de entre todo canto ve, aquilo que máis lle guste. O home acaba escollendo algunha das xoias que ten diante da súa vista, a que lle parece que ten un maior valor. Entón, nese momento, escóitase á moura chorar enfadada polo egoísmo do home.
Despois de escoller a xoia, o home egoísta e cobizoso, ve como nas súas propias mans a xoia que escolleu se converte en carbón. E é que a moura esperaba ser ela a xoia elixida e así poder desfacer o feitizo. Ao non ser a escollida desaparecerá levando con ela o marabilloso tesouro. Ata agora ningún dos homes que a viron a preferiron ao tesouro, polo tanto ela segue enfeitizada, esperando outra mañá de San Xoán para aparecer de novo na Pena Molexa.
Hai outras lendas sobre a Pena Molexa como a que conta que a Pena Molexa e as outras rochas que están ao seu lado son un rei e os seus guerreiros convertidos en rocha por un feitizo. Na noite do solsticio de verán, noite de San Xoán,  transfórmanse en homes e mulleres de novo para recordarlle á xente que sempre estarán aí para gardar a terra. E contan que tamén esa noite o rei e os seus homes e mulleres percorren e vixían os montes, visitan e protexen as casas, ademais de coidar aos vellos porque gardan as nosas tradicións antigas. Ao acabar a noite vólvense pedra outra vez, e permanecen vixiando para gardar a Terra de Trasancos. 
Continuamos o noso camiño cara ao mosteiro de Baltar. Este edificio singular atópase na parroquia de Santa María a Maior  do Val.
O pazo de Baltar comprende un conxunto de edificios de diversas épocas , sendo a construción máis antiga do século XVI.
O seu fundador foi don Juan Pardo de Lago (ou de Andrade) e Montenegro, que casou con dona Catalina de Andrade.
Co paso do tempo este pazo pasou a formar parte das propiedades da casa dos marqueses de San Sadurniño.
A derradeira marquesa de San Sadurniño, dona María de la Natividad Quindós e Villarroel, non tivo descendencia, doando o pazo de Baltar aos pais misioneiros do Sagrado Corazón de María, que no ano 1914 construíron un mosteiro novo sobre os seus cimentos.
Na actualidade pertence aos “Irmáns Claretianos”.
Os propietarios deste pazo foron vinculándose, case exclusivamente a través de alianzas matrimoniais, cos apelidos máis ilustres da nobreza da zona: os Lago, os Lanzós, os Tenreiro, os Pardo de Lama, os Maldonado, os Moscoso e un longo etcétera. Todos estes enlaces deixaron a súa pegada nos seus escudos de armas, dous dos cales están representados na súa fachada principal.
No interior da capela existen dous monumentos funerarios ocupados por don Fernando de Andrade e a súa esposa dona Inés de Castro e Lanzós, fundadores do vínculo de San Sadurniño, que foron trasladados alí no século XVIII polo marqués de San Sadurniño.
A única decoración que presentan estes monumentos son uns escudos no seu lateral labrados en pedra de granito.
Outro elemento importante deste conxunto monumental é a fonte barroca que adorna o seu xardín que garda un enorme valor estilístico.
Remata o noso camiño en Santa Margarida, onde atopamos a fonte, a capela e o cruceiro; en primeiro lugar atopamos a fonte que posúe dous canos; por un deles mana a auga de Santa Margarida contra o meigallo e o mal parto, e polo outro a de Santa Lucía que cura os males da vista. O frontón desta fonte está decorado coa Cruz de Malta e ao seu carón existe unha escaleira de pedra que serve de acceso.
Dentro deste conxunto o elemento máis rechamante é a capela, que foi construída no século XV sendo un dos templos máis antigos do concello. É unha pequena igrexa de planta rectangular  cunha soa nave e presbiterio cuberto con bóveda de crucería. Destaca a súa porta principal de acceso, datada do primeiro terzo do século XVI. Nela atopamos as armas da casa dos Andrade (o xabaril ou porco bravo e a banda engolada coa súa lenda “Ave Maria Gratia Plena”).
Continuamos cara ao cruceiro, un dos elementos máis significativos da iconografía galega, unha cruz de pedra que se atopa normalmente nas encrucilladas de camiños, nos adros das igrexas, á entrada dos pobos e aldeas nos cumes e nas ribeiras. Un cruceiro é un monumento de pedra coroado por unha cruz sobre un varal que se asenta sobre unha base graduada.  A altura dun cruceiro pode chegar  a superar os cinco metros. A base e o varal ás veces presentan motivos alegóricos extraídos dos relatos bíblicos. Os cruceiros rememoran a crucifixión, santifican o lugar onde están colocados e combaten o mal. Non son exclusivos de Galicia, pero si están catalogados na nosa comunidade máis de 10.000. Non coñecemos cal é a súa orixe e aínda se discute sobre cal é o seu significado.
Segundo algunhas tradicións, servirían para bendicir os camiños; outras vincúlanos a rituais de curación para eliminar os  males do corpo e do espírito. Nalgunhas comarcas eran o lugar de enterramento dos nenos non bautizados e os familiares deixaban marcas, cruces ou iniciais gravadas no varal ou fuste.
O cruceiro  é unha obra de formas arcaicas, está elaborado en pedra de dunita e aparece colocado sobre unha plataforma dun exemplar  anterior. A imaxe de Cristo ten as pernas mutiladas, coroa de espiñas e un manto de pureza bastante aparatoso; a Virxe aparece representada cun amplo manto, está esculpida con bastante detalle e en postura frontal.


 

2010 © Eventi |   Alojamiento web: Galynet