Español 
turismo en bici por Narón
logo educación viaria
 
 .: ESTÁS EN: gl > Rutas en bici por Narón > Paseo pola beira do Rio Xuvia
Seguenos no Facebook Seguenos no Twitter Seguenos no Tuenti Siguenos en YouTube

RUTA 2: Paseo pola beira do Rio Xuvia

descarga pdfdescarga arquivos google earthdescarga arquivos gpsvisualiza video

Esta ruta discorre a carón do río Xuvia. Partindo do paseo marítimo de Xuvia (rotonda de Megasa), ao longo de 17,40 Kms, ofrece un percorrido no que se mesturan lugares de interese histórico e cultural con pasaxes que nos permitirán gozar da natureza. A escasos metros do punto de partida podemos contemplar o muíño das aceas, singular por ser o único muíño de mareas que existe na nosa comarca. Os muíños de mareas son aqueles que utilizan a forza das mareas como enerxía motriz. Cando hai marea chea, énchese unha conca de reserva para o muíño, no cal a auga queda retida durante a marea baixa. Cando hai marea baixa, as válvulas que regulan a saída de auga ábrense e a auga retida vértese cara ao mar, impulsando a rotación da roda do muíño.
Este muíño das aceas foi unha das principais fábricas de fariñas de Galicia no século XIX, cando recibía o trigo desde Ucraína e América. Creado a finais do século XVIII, e promovido por unha sociedade de empresarios galegos e franceses, o edificio consta de represa, muíño, vivenda, almacéns e casa de recreo pegada, todo cerrado cun muro de pedra. Esta Real Fábrica de Fariñas é unha obra de grandes dimensións, que permite a entrada das mareas a través dunha comporta xiratoria e embalsa máis de 50.000 metros cúbicos de auga, enerxía suficiente para mover as grandes pedras moedoras de que dispón.
Seguindo o paseo desviarémonos pola rúa Marcial Calvo ata chegar ao edificio do antigo concello no que ademais da praza do concello destaca o seu reloxo colocado na torre arredor do ano 1962, de factura catalá, que supuxo un desembolso de 78.790 pesetas ás arcas municipais. Dende este punto volvemos ao paseo marítimo para pasar pola parte  traseira da igrexa de Santa Rita de Xuvia. Esta é unha construción de estilo ecléctico. Foi mandada construír por don Francisco Barcón y Quevedo, como agradecemento a Santa Rita pola súa intercesión na curación da súa filla. De planta rectangular, interiormente a nave está dividida en varios tramos por arcos faixóns, de carácter ornamental, que dan lugar á bóveda de canón. A súa ábsida, de forma poligonal, está cuberta cunha estrutura abovedada en forma de abano. Ten un cruceiro de amplas dimensións, con arcos de medio punto que delimitan os espazos correspondentes coas capelas laterais e o presbiterio. Posúe unhas vidreiras  situadas nos muros laterais. A fachada principal está dividida en tres panos, situándose aos lados as torres campanario. A porta de entrada é rectangular, enmarcada por un arco de medio punto, con decoración no tímpano. Os muros están pintados de dúas cores, para resaltar os diferentes elementos estruturais. A cuberta é a dúas e tres augas dependendo dos corpos.
A escasos metros atopamos unha pequena praza, a antiga praza dedicada a San Roque, remodelada hai poucos anos e renomeada como praza de don Francisco Barcón y Quevedo. Neste punto propoñémosvos un novo desvío da ruta para achegarvos a coñecer o magnolio de Xuvia.  Este magnolio de Xuvia ten máis de cen anos e aínda que non goza de moi boa saúde é unha das  árbores máis espectaculares e bonitas que temos no noso concello. Os máis vellos de Xuvia din que o trouxeron de Filipinas   e que procede da mesma raíz que o que se atopa  no outro lado da ponte.
Volvendo á praza pasaremos por diante do muíño de Xuvia, construído no século XVIII e propiedade de don Federico Lestache, que se está a restaurar na actualidade. No ano 1858 era o principal muíño do país en capacidade de produción dentro dos da  súa clase. Recibía o trigo en barcos do Báltico, de América e de Santander. Pero a súa contribución á economía da zona non rematou aí e anos máis tarde este muíño chegou  a mover unha fábrica de papel, unha de tecidos e unha de laminados de cobre. A súa perda de importancia non restou beleza á construción, reflectida nunha espectacular presa rodeada de magnolios. A poucos metros de alí desauga o río Xuvia, na ponte dos Andrade, que sirve como liña divisoria dos concellos de Narón e Neda.
Comezamos o noso camiño pola beira do río, un espazo dedicado á pesca fluvial de enorme beleza. No noso camiño cara á presa do Rei atoparemos elementos singulares, así pois en paralelo á nosa ruta están os terreos de Galicia Textil, antiga fábrica de moeda; unha pequena fonte escavada na mesma rocha, ou unha bifurcación do río onde antigamente se asentou unha fábrica de xeo.
Chegamos á presa do Rei, que foi mandada construír polo rei Alfonso XIII e utilizada nas súas orixes para dar enerxía á Real Fábrica de Moeda de Xuvia. Atópase situada nun marco incomparable, rodeado de fermosas árbores á beira do río Xuvia, un dos lugares máis emblemáticos de todo o concello. É unha zona moi frecuentada polos amantes da natureza.
Continuando co noso camiño chegamos á antiga piscifactoria  que, construída nos anos oitenta xunto aos desaparecidos muíños de Fabián,  chegou a criar máis de trescentas toneladas de peixe ao ano.
Río arriba chegamos á zona entre ríos onde se sitúa o muíño de Gradaílle construído nos anos 50 do século XX na ribeira do río Xuvia. É coñecido tamén coma “muíño de entre ríos”. Presenta unha planta cadrada e dúas alturas, distinguíndose na planta baixa dous arcos que permiten o paso da auga. De aí pasamos á área recreativa de Pedroso onde atopamos o muíño de Pedroso (muíño de Chao), construído arredor do ano 1800 e restaurado e en funcionamento dende 1999. Na actualidade realízanse visitas guiadas e actividades didácticas relacionadas co “ciclo do pan”.
 

2010 © Eventi |   Alojamiento web: Galynet