Español 
turismo en bici por Narón
logo educación viaria
 
 .: ESTÁS EN: gl > Rutas en bici por Narón > En bici pola ribeira de Xuvia
Seguenos no Facebook Seguenos no Twitter Seguenos no Tuenti Siguenos en YouTube

RUTA 1: En bici pola ribeira de Xuvia

descarga pdfdescarga arquivos google earthdescarga arquivos gpsvisualiza video

Esta ruta discorre case que na súa totalidade pola desembocadura do río Xuvia. Partindo do paseo marítimo (rotonda de Megasa) ao longo de aproximadamente oito quilómetros ofrece un percorrido no que se mesturan puntos de interese histórico e cultural que fan desta unha ruta fácil, cómoda e bastante interesante.

 A escasos metros do punto de partida podemos contemplar un dos sinalados como lugar de interese: o muíño das aceas, singular por ser o único muíño de mareas que se conserva na nosa comarca. Os muíños de mareas son aqueles que utilizan a forza das mareas como enerxía motriz. Cando hai marea chea, énchese unha conca de reserva para o muíño, na cal a auga queda retida durante a marea baixa. Cando hai marea baixa, as válvulas que regulan a saída de auga ábrense e a auga retida vértese cara ao mar, impulsando a rotación da roda do muíño.
O muíño das aceas foi unha das principais fábricas de fariñas de Galicia no século XIX, cando recibía o trigo desde Ucraína e América. Creado a finais do século XVIII, e promovido por unha sociedade de empresarios galegos e franceses, o edificio consta de represa, muíño, vivenda, almacéns e casa de recreo pegada, todo cerrado cun muro de pedra. Esta Real Fábrica de Fariñas é unha obra de grandes dimensións, que permite a entrada das mareas a través dunha comporta xiratoria e embalsa máis de 50.000 metros cúbicos de auga, enerxía suficiente para mover as grandes pedras moedoras de que dispón.
Seguindo o paseo debemos desviarnos pola rúa Marcial Calvo ata chegar ao edificio do antigo concello no que ademais da praza do concello, construído nos anos 50 do século XX, destaca o seu reloxo colocado na torre arredor do ano 1962, de factura catalá, que supuxo un desembolso de 78.790 pesetas ás arcas municipais.
Dende este punto volvemos ao paseo marítimo para pasar pola parte  traseira da Igrexa de Santa Rita de Xuvia, mandada construír por don Francisco Barcón y Quevedo, como agradecemento a Santa Rita pola súa intercesión na curación da súa filla. De planta rectangular, interiormente a nave está dividida en varios tramos por arcos faixóns, de carácter ornamental, que dan lugar á bóveda de canón. A súa ábsida, de forma poligonal, está cuberta cunha estrutura abovedada en forma de abano. Ten un cruceiro de amplas dimensións, con arcos de medio punto que delimitan os espazos correspondentes coas capelas laterais e o presbiterio. Posúe unhas  vidreiras  situadas nos muros laterais. A fachada principal está dividida en tres planos, situándose aos lados as torres campanario. A porta de entrada é rectangular, enmarcada por un arco de medio punto, con decoración no tímpano. Os muros están pintados de dúas cores, para resaltar os diferentes elementos estruturais. A cuberta é a dúas e tres augas dependendo dos corpos.
 Antes de chegar á ponte que nos separa de Neda podemos gozar da sombra proporcionada polo coñecido magnolio de Xuvia. Unha das maiores virtudes do magnolio son  as súas enormes flores brancas, vistosas e dun perfume moi intenso. Este é un dos motivos polos que se converteu  nunha das árbores ornamentais máis cultivadas en todo o mundo.  Aínda que se poden atopar en calquera recanto do planeta, a súa orixe atópase no norte de América. O magnolio de Xuvia ten máis de cen anos e aínda que non goza de moi boa saúde é unha das árbores máis espectaculares e bonitas que temos no noso concello. Aínda que a súa  orixe non está perfectamente documentada, os máis vellos do lugar din que procede de Filipinas.
Chegados a este punto cruzaremos a ponte cara ao municipio veciño de Neda. Dende esta contemplaremos outro dos puntos de interese da nosa ruta: a ponte de Xuvia. Aínda que a actual é unha ponte de finais do século XIX, foi levantada sobre os restos dunha moito máis antiga; as noticias que temos permítennos levar a súa construción á época medieval e incluso á época romana. Esta ponte atópase sobre o río Xuvia, no límite entre o Concello de Narón e de Neda.
A carón da ponte, e xa en Neda, podemos ver a fábrica Galicia Textil, establecida no soar ocupado polos Reais Establecementos de Xuvia, fundados no ano 1790. Este recinto albergou diversas actividades tales como a fabricación de pranchas de cobre, fusís ou moeda mentres estivo baixo tutela Real. Despois da súa poxa pasa a mans privadas sendo o seu propietario o señor Francisco Barcón que decide  instalar unha fábrica de tecidos. Os Reais Establecementos de Xuvia teñen a súa orixe na necesidade de prolongar no tempo a vida dos barcos da armada española, isto fixo que a coroa española decidira  empregar unha técnica, que xa se practicaba en Inglaterra, que consistía en forrar con pranchas metálicas de cobre o casco dos seus barcos, que daquela eran de madeira. A utilización desta nova técnica proporcionaba ao barco un aspecto moito máis sólido, facíao moito máis rápido e máis manobrable. Abarcar todas estas vantaxes facía imprescindible a creación de grandes fábricas que produciran estas pranchas. A segunda etapa iníciase no século XIX, a principios do ano 1808, despois da invasión dos exércitos franceses. A necesidade de armas coas que defender o país, fai que se tome a medida de aproveitar os Reais Establecementos de Xuvia para a fabricación de armas de chispa. Esta actividade durará pouco tempo e non estará exenta de polémica ao asegurar a tropa que os fusís de Xuvia estalaban e provocaban máis danos entre os soldados nacionais que os disparos dos franceses. A terceira etapa establécese arredor do ano 1811, no que ante a escaseza de moeda de cobre que circulaba polo noroeste da península, a Coroa decide instalar en Xuvia a única casa de moeda da Galicia contemporánea. As moedas de Xuvia cuñáronse en nome do rei don Fernando VII, e tras a súa morte, da súa filla a raíña dona Isabel II. Marabedís, primeiro, e escudos despois, foron os dous tipos de moeda que se fabricaron  durante o período que funcionou a ceca. No ano 1868, por Real Orde, suspéndese a acuñación de moeda en Xuvia, desaparecendo a derradeira Casa de Moeda de Galicia. Dende entón, toda a cuñaxe de moeda levouse a cabo en Madrid, na Real Casa de Moeda, hoxe Fábrica Nacional de Moeda e Timbre.
Seguindo a nosa ruta pasamos pola ponte peonil que une os paseos de Xuvia e Neda (paseo marítimo de Neda). A seguinte parada farémola nos dous estanques de mareas de lúa chea e lúa nova que adaptarán o seu nivel ao das mareas, simulando o fluxo luar sobre as augas;  continuamos a nosa ruta ata a igrexa de Santa María de Neda. No ano 1720, segundo consta nos documentos das confrarías existentes, comezan as obras para levantar as paredes do corpo principal. En 1744  móntase o retablo maior, a tribuna e o coro. En 1762, unha vez rematada a torre, colócase a campá maior, a cruz e o viraventos. En anos posteriores e ao longo do XIX, o templo sufriu aumentos e modificacións, ata chegar a ter o aspecto de hoxe en día. En canto ao seu interior, destaca o Cristo da Cadea; segundo a tradición popular a estatua veu flotando sobre o río, o que non deixa  de ser certo: a imaxe chegou no ano 1550 nun barco procedente de Inglaterra, capitaneado por John Dutton, un católico inglés que fuxía das persecucións relixiosas que tiñan lugar no seu país. Xunto ao Cristo  tróuxose unha imaxe da Virxe, coñecida hoxe como Nosa Señora a Inglesa,  que se pode ver en Lugo. O Cristo da Cadea pertence ao estilo tudor, gótico do século XVI.
Continuamos o noso camiño cara á estación do ferrocarril de Neda, pasamos a ponte que leva ao mosteiro do Couto. As orixes posiblemente se remonten ao século IV d.c.. Fálase de que entre os anos 380 e 390 existía unha ermida dedicada á Santísima Virxe das Neves ou de Santa María, no mesmo lugar onde séculos máis tarde se construiría o mosteiro de San Martiño de Xuvia. Esta primitiva capela converteuse en igrexa, e comeza a servir de igrexa parroquial a principios do século VIII, continuando coma tal igrexa parroquial do Couto ata o ano 1635, concretamente ata o 1 de abril, data na que, debido ao seu estado ruinoso, foi demolida  sendo substituída pola parroquial de San Martiño, templo que ata entón fora monacal.
Algúns autores atribúen a fundación do mosteiro a un pequeno grupo de monxes portugueses que escaparon do mosteiro de San Martiño de Dumio, que sufría os constantes ataques dos mouros; atopando na ribeira do río Xuvia un lugar idóneo para instaurar un pequeno cenobio ou casa monacal ao que lle deron o nome de San Martiño en honor ao antigo cenobio que tiveran en Portugal. Este sería o nacemento do mosteiro de San Martiño de Xuvia, no mesmo lugar onde estaba emprazada a ermida dedicada á Virxe das Neves.
Xunto ao mosteiro, que está declarado monumento artístico nacional polo Ministerio de Cultura, atópase a igrexa de San Martiño. A súa construción data do século XII, comezando esta concretamente no ano 1137, se ben a súa fachada e a torre son do século XVIII.
A igrexa de San Martiño ten unha planta rectangular, con tres naves ou espazos no seu interior.
A porta de acceso é de estilo románico  e componse de dúas arquivoltas determinadas por baquetóns que arrancan dende o chan. No sentido das arquivoltas remata a porta románica. No exterior unha decoración de cadros e de semicírculos refundidos ou fincados na mesma pedra sucedendo o mesmo nalgúns ventanais ou ventás.
A nave central está separada das naves laterais por piares de planta cadrada  con columnas. Esta nave central é máis ancha que as laterais e nela está o altar principal.
Os capiteis corresponden a diversos tipos e estilos e na súa maior parte reproducen palmatorias, follas rizadas, trenzados, bólas, acios, figuras antropomórficas e animais.
As basas son moi variadas, e algunhas delas atópanse afundidas no pavimento, tendo as máis visibles os plintos con axadrezado e os seus ángulos decorados con bólas, garras ou cabezas de carneiro.
No seu interior resulta especialmente interesante o conxunto funerario formado polo tumbal en forma de estatua de guerreiro xacente que correspondeu ao sepulcro de don Rodrigo Esquío, os restos de don Gonzalo Esquío e a lápida mortuoria que figurou sobre a sepultura do cabaleiro D. Pedro de Mourelle de Esquío e Mandiá, xunto co escudo de armas cos brasóns dos Esquío e dos Mandiá conforman un conxunto de grande importancia polo seu valor histórico e artístico.
Destaca tamén o altar dedicado a San Benito, restaurado no ano 2006, polo feito de que no ano 1745 o  Papa Benedicto XIV tivo a delicadeza de concederlle  INDULTO PERPETUO DE ALTAR PRIVILEGIADO, e a toda a igrexa conventual e parroquial de San Martiño  o entón importantísimo privilexio de ser considerada como IGLESIA DE REFUGIO, o cal leva anexo o dereito de asilo.
Dende aquí seguiriamos o Camiño de Santiago que nos leva de novo ao muíño das aceas para observar a presa construída para uso do propio.
 Seguindo o Camiño de Santiago volvemos ao noso punto de partida.

 

2010 © Eventi |   Alojamiento web: Galynet