Narón Turismo

Portal oficial de Turismo de Narón.

sauda de Natalia


Galego > sauda de natalia

NataliaComo concelleira de Turismo de Narón é para min un pracer dar a benvida a todos os usuarios deste portal web.  A promoción deste municipio como destino turístico é un dos obxectivos nos que estamos a traballar desde a Administración local. A conservación do patrimonio que mantén  viva a historia de Narón é unha das nosas prioridades, como tamén o é a promoción dos atractivos turísticos desta cidade, a oitava de Galicia e a cuarta da provincia da Coruña en número de habitantes.

Visita obrigada unha vez en Narón son construcións relixiosas como o mosteiro de San Martiño de Xuvia, na parroquia do Couto, ou o de Baltar, no Val. Pero tampouco deben deixar de percorrer os visitantes a ruta dos muíños, na que figuran os de Pedroso, cunha ampla área recreativa ao seu redor, o de Xuvia ou o das Aceas, entre outros, e que amosan a firme aposta deste concello por manter en pé o valioso patrimonio local.

Pero as opcións turísticas na localidade son moi diversas. A ruta de pazos e casas grandes ofrece a posibilidade de visitar o chalé de San Román, en Xuvia, o pazo Libunca, en Castro ou o chalé de Antón, no Alto do Castiñeiro. A través dun percorrido de pouco máis de vinte quilómetros localízanse varias construcións de referencia na historia deste municipio.
Non debemos deixar pasar a oportunidade de destacar as espléndidas vistas á ría desde os paseos marítimos de Xuvia ou A Gándara, que permiten a veciños e visitantes  gozar dun tranquilo percorrido pola zona costeira de Narón. E para coñecer  mellor a zona litoral cita obrigada é a visita ás tres praias locais: A Hortiña, Lopesa e O Casal, que en plenos acantilados permiten coñecer a natureza no seu estado máis puro.

As festas locais son outro dos reclamos turísticos de Narón. O Oenach Atlántico da parroquia de Sedes, declarada Festa de Interese Turístico de Galicia e que se celebra entre finais de xullo e principios de agosto, A Pena Molexa, na do Val, cita obrigada en xullo ; a Romaría da O, cada mes de maio en Pedroso, ou a Festa Gastronómica do Pemento do Couto, tamén en xullo, forman xa parte do calendario de celebracións nesta localidade. A estas súmanse eventos como o Festival Folclórico Internacional, que se celebra cada ano no mes de xullo e a Recreación da Tradicional da Esfolla na parroquia de Doso, cada mes de novembro. O calendario local recolle como festivo o 23 de novembro, Día de Narón, que se conmemora desde o ano 1993 recordando que foi precisamente un 23 de novembro, pero do ano 1837, cando apareceu por primeira vez recollido nunha acta o nome de Narón.

Por todas estas razóns, e moitas outras que poderedes valorar unha vez que visitedes este concello, dende esta web convídovos a gozar desta cidade onde sempre seredes benvidos e benvidas.


Natalia Hermida Rico
Concelleira de Turismo