Narón Turismo

Portal web de información turística sobre o Concello de Narón.

romaría da O

A orixe da peregrinación a Pedroso.

A orixe da peregrinación a Pedroso está nun antigo relicario que se atopou debaixo do altar da Nosa Señora na igrexa do mosteiro de Pedroso.

Os enfermos achegábanse ao mosteiro a tomar a auga que se vertía por riba do relicario, coa convicción de que os sandaría.

 

Antes da fundación do mosteiro existía unha igrexa parroquial en Pedroso, adicada a santa María e, segundo os datos que proporciona a base documental da que dispoñemos, podemos sospeitar que esta igrexa foi a que orixinou a capela da O.

Pero esta capela estaba localizada no antigo Castro da Ermida, e a actual capela da O está nun emprazamento diferente …

 

Como se dixo, o actual emprazamento da capela da O, non é o orixinal …o estado de ruína no que se encontraba o primitivo edificio no século XIX (1800 a 1900) levou a tomar a decisión de non reconstruílo, senón de levantar unha nova capela buscando para iso un lugar máis axeitado, a escasos metros do emprazamento orixinal.

 

A peregrinación á Capela da O.

Unha vez desaparecido o antigo relicario, a capela de Virxe da O comezou a recibir a visita dos peregrinos acompañados dos seus animais, pedindo a intercesión da Nosa Señora para a conservación do gando. Posteriormente, e co paso do tempo, a esta petición fóronse sumando outras como a obtención de boas colleitas, a protección das parturientes, ou a saúde.

Antigamente a Romaría da O celebrábase o día 18 de decembro; as inclemencias do tempo fixeron que se trasladara ao segundo domingo do mes de maio.

Trátase dunha das romarías máis antigas e con máis tradición de toda a comarca.

Dende o seu comezo, esta romaría atraeu numerosos devotos que, dende as primeiras horas do día, e procedentes de diversos lugares, se achegaban á carballeira cos seus animais e as súas familias para venerar a Virxe e pedir a súa intercesión.

Despois de escoitar a misa solemne, poxar polos roscos engalanados e merendar, retornaban aos seus lugares de procedencia agardando a chegada da súa próxima cita con Pedroso.

Moitos testemuños indícannos que era usual que os mozos e mozas estreasen algunha peza de roupa ese día, e que moitos “pobres” se desprazasen ata alí, sabedores de que poderían recoller as esmolas dos numerosos romeiros que se reunían en torno a este santuario.