Narón Turismo

Portal de información turística do Concello de Narón.

presentacion Rallye NarónO Rallye de Narón celebra a súa 27ª edición e contará con 95 participantes que percorrerán 374 kilómetros repartidos entre seis municipios.

O Alcalde de Narón, José Manuel Blanco, xunto co presidente e o secretario da Escudería Siroco Team, Antonio Sueiras e Ramón Padín, e as Concelleiras de Deportes e Turismo, Natalia Hermida e María Rodríguez Porto, presentaron o pasado venres día 30 en rolda de prensa o 27º Rallye ‘Cidade de Narón’ que se celebrará os días 6, 7 e 8 de xuño. A proba deportiva percorrerá os concellos de Narón, Cerdido, Valdoviño, Moeche, As Somozas e San Sadurniño.

En total hai 95 pilotos inscritos, unha cifra algo inferior á que se rexistrou o ano pasado (houbo 102) pero que entra dentro da normalidade posto que noutros rallyes tamén descendeu o número de participantes. Entre os pilotos destaca a presenza de 31 corredores da Escudería Siroco Team de Narón, e outros 12 do resto da comarca, o que suman 43 participantes de Ferrolterra.

A organización do rallye estará a cargo dun equipo formado por 198 persoas (entre persoal de carreira e de tramos, comisarios, servizos médicos, e Protección Civil) que se encargarán de que todo discurra dentro da normalidade. Non obstante, dende o Concello de Narón faise un chamamento á prudencia por parte dos espectadores. “O máis importante é que se cumplan as medidas de seguridade e as indicacións, para poder evitar calquera percance” destacou a Concelleira de Deportes. Natalia Hermida tamén destacou o enorme esforzo que supón a organización dun evento destas características.

O secretario da Escudería Siroco Team, Ramón Padín, tamén pedíu colaboración ós perto de 10.000 espectadores que se agardan para esta proba. O orzamento do 27º Rallie de Narón rondará os 100.000€, tal e como indicou o presidente da Escudería Siroco Team, Antonio Sueiras.

Como ven sendo unha tónica habitual, o Rallye dividirase en tres xornadas. Na tarde do venres 6 de xuño se realizarán as verificacións administrativas dos vehículos participantes. O sábado 7 de xuño se celebrará a carreira en sí, cun total de 374,670 kilómetros dos cales 107,560 kms. serán cronometrados (divididos en catro tramos, dous a dobre pasada pola mañá e pola tarde). A entrega de premios (dende os 400€ ós 1.600€, do 6º ó 1º clasificado) resérvase para a madrugada do sábado ó domingo, no entorno do Centro Comercial Dolce Vita Odeón, onde se instalará o parque pechado.

O Alcalde de Narón agradeceu a colaboración dos cinco concellos restantes polos que tamén pasará o Rallye, e fixo un recoñecemento público á Escudería Siroco Team “polo traballo incansable que están a realizar dende fai xa 27 anos”.

Pola súa banda, a Concelleira de Turismo declarou que este é “un evento moi importante para Narón, porque atrae a moita xente da comarca e doutros puntos da comunidade. Para nos é unha tarxeta de visita importantísima porque os visitantes tamén aproveitan para coñecer o noso patrimonio turístico”, salientou María Rodríguez Porto.